O turismo de Sanxenxo non sabe do Brexit
Por Oskar Viéitez
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo participará activamente na axenda de presentacións organizada polo Clúster de Turismo de Galicia na World Travel Market con máis de 20 axentes de viaxe citados na caseta da nosa comunidade.
WTM 2016 London, World Travel Market 2016, será unha feira que ofrecerá unha oportunidade única a toda a industria do turismo mundial de reunirse, establecer contactos, negociar e levar a cabo actividades comerciais. World Travel Market ofrecerá aos seus participantes a oportunidade de coñecer as últimas tendencias da industria do turismo de forma eficiente, eficaz e produtiva.
Nas devanditas reunións presentaránselle todas as vantaxes de Sanxenxo como un destino turístico de calidade na que sen dúbida o sol e a praia son o seu activo mais recoñecido, pero poñendo a maior atención na cadea de valor facendo fincapé no turismo náutico, no enoturismo, a nosa gastronomía, e toda a oferta que podemos atopar na comarca do Salnés.
Polo que respecta ao mercado emisor británico, prevese que ao peche de 2016 un total de máis de 15,5 millóns de turistas británicos visitarán España, un 3,3% máis que en pasado ano, mentres que para a tempada de inverno 2016-2017, prevese que un de cada tres británicos elixirá un destino español.
Na World Travel Market destácase a gran fidelidade do turismo británico xa que o 82% dos turistas deste país que viaxan a España estiveron algunha vez anterior e un 42% en sete ou máis ocasións.
Finalmente a axenda de Turespaña completarase cunha recepción que ofrecerá o embaixador español en Reino Unido, Federico Trillo, a toda a delegación española.