Gonzo, padriño da gran recollida solidaria do Banco de Alimentos
O xornalista vigués Fernando González, máis coñecido como Gonzo, é a persoa que apadriñará este ano a gran recollida solidaria que anualmente celebra o Banco de Alimentos de Pontevedra. Nesta ocasión serán os próximos 25 e 26 de novembro e no almacén que a ONG ten na rúa Faustino Santalices xa se están preparando para o evento.
Do mesmo xeito que en anos anteriores fixeron personalidades como o futbolista Borja Oubiña ou os actores Luís Tosar e María Castro, Gonzo será a imaxe da campaña que, co lema Tú, el eslabón más importante, alagará a cidade para animar aos pontevedreses para ser un dos cincocentos voluntarios que se necesitarán para que esta iniciativa volva ser un éxito.
En cada un dos supermercados que participan neste evento solidario, haberá caixas para que os clientes, coa colaboración dos voluntarios da ONG, depositen neles produtos de primeira necesidade e alimentos non perecedoiros que, posteriormente, serán repartidos entre aqueles que os necesiten.
"É un día de compras. Só pido que a xente non só vaia a encher as súas despensas e que fagan o esforzo de pensar que necesitarían comprar se tivesen en casa a unha persoa que non ten de nada e os produtos desa lista os deixen nas caixas dos voluntarios", explicou Gonzo na presentación da campaña.
O xornalista galego pediu aos pontevedreses que fagan un "exercicio de reflexión" e que se poñan na pel das 25.000 persoas cuxa manutención depende directamente do Banco de Alimentos de Pontevedra.
"Sabemos que é fin de mes e que moitos van chegar co xusto para encher a súa despensa, pero pedimos que se faga un esforzo, que se poña algo máis para encher a do veciño", engadiu Gonzo. "E quen crea que non ten diñeiro ou capacidade de achegar alimentos pois lle pedimos o seu tempo, que se poña o peto, que veña e axude".
Este mesmo chamamento trasládao ao novo Goberno que acaba de tomar posesión en España. A eles pídelles "que vexan a realidade, que non a neguen", porque considera que "aínda que nos vaian contando que o peor xa pasou, que isto é un verxel e que España vai para adiante, cada vez hai máis xente necesitada".
"Non pode haber un presidente ou un ministro que durma tranquilo sabendo que hai unha soa persoa que non ten garantido os bens mínimos", afirma Gonzo
Así o demostra o feito de que o Banco de Alimentos segue aumentando ano tras ano a cantidade de produtos que entrega a familias de Pontevedra e en 2016 superarán as cifras, xa de seu elevadas, do pasado exercicio.
"Eu entendo que non lles gusta que lles digan que dentro do seu país hai xente que non ten para comer (...) pero non pode haber un presidente ou un ministro que durma tranquilo sabendo que hai unha soa persoa que non ten garantido os bens mínimos", explicou.
Durante a súa visita ao Banco de Alimentos, Gonzo coñeceu in situ como voluntarios de almacén preparan as entregas de comida que logo se reparten entre os colectivos sociais. El mesmo vestiu o chaleco que identifica a estes voluntarios e colaborou na preparación dalgúns dos envíos que se estaban organizando.
O presidente do Banco de Alimentos, en nome de todos os integrantes da entidade, agradeceu publicamente o carácter máis que comprometido do xornalista vigués e puxo en valor a súa decisión de desprazarse desde Madrid, onde colabora actualmente co programa El intermedio de laSexta, para acudir a este acto celebrado en Pontevedra.
CIFRAS DA GRAN RECOLLIDA
Gonzo, que estará o venres 25 de novembro colaborando como voluntario nun supermercado de Pontevedra, formará parte dunha recollida solidaria á que se sumaron este ano uns 40 hipermercados e supermercados da cidade de Pontevedra e das comarcas do Salnés e Deza.
O obxectivo da ONG en Pontevedra é superar os 80.000 quilos de alimentos recollidos na anterior edición para poder seguir axudando aos 32 colectivos sociais cos que traballa actualmente, a través dos cales, atende unhas 4.000 persoas con dificultades.
Durante 2015, o Banco de Alimentos da provincia entregou 1,7 millóns de quilos de comida. É un 30% máis que o ano anterior.
Relacionadas:
-
O Banco de Alimentos cobre a súa demanda ata primavera tras o éxito da Gran Recollida Solidaria
Por Redacción |
-
Gonzo chama os pontevedreses a doar comida na Gran Recollida Solidaria do Banco de Alimentos
Por Marisa Ciordia |
-
Os árbitros pontevedreses de fútbol e fútbol sala inician unha recollida solidaria de alimentos
Por Redacción |
-
Precisan 500 voluntarios para a Gran Recollida Solidaria dos días 25 e 26 de novembro
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos recolle en Pontevedra e Portonovo preto de 5 toneladas de comida
Por Redacción |
-
Máis de 100.000 quilos de comida en seis meses para axudar aos máis necesitados
Por Redacción |