Carmela Silva critica que Rajoy formase un Executivo "continuista no económico", sen galegos e que non sexa paritario
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, valorou aos ministros do novo goberno que preside Mariano Rajoy sinalando que este Executivo é "continuista no económico", xa que tanto De Guindos como Montoro "os grandes recortadores do país" seguen á fronte das carteiras de Economía e Facenda onde demostraron, ao seu xuízo, "que non teñen absolutamente ningunha sensibilidade social", durante os catro anos de "maioría absoluta aplastante" do Partido Popular.
"Con estes dous ministros á fronte teño as miñas dúbidas de que este vaia a ser un bo Goberno", insistiu Carmela Silva.
"Paréceme un Goberno débil de xente cun perfil político moi baixo", engadiu a presidenta provincial, asegurando que esta é unha circunstancia que "me preocupa".
Outra das críticas de Carmela Silva diríxese ao feito de que haxa oito homes e cinco mulleres porque "á min gustaríame que houbese sete mulleres e seis homes", sinalou. A mandataria socialista lembrou que España xa tivo un goberno paritario no ano 2004 baixo a presidencia de José Luis Rodríguez Zapatero.
Carmela Silva indicou que nun momento no que unha muller como Hillary Clinton pode presidir os Estados Unidos de América, "paréceme triste que un presidente como Rajoy non tivese un xesto de igualdade facendo que haxa un Goberno paritario en España", afirmou.
"Tampouco entendo nin me gusta que non haxa ministros ou ministras galegas", engadiu a presidenta da Deputación de Pontevedra, porque cre que para "unha comunidade histórica con profundas demandas" como é Galicia, a presenza de galegos "axuda a que se teña unha visión e unha defensa máis clara da nosa comunidade". Por iso definiu como unha "falta de atención e de sensibilidade" por parte de Mariano Rajoy que non inclúa a ningún paisano no seu Executivo.