Os centros de flores, o máis demandado no Mercado da Ferrería
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
As margaridas amarelas, malia ser algunhas das flores máis económicas, apenas teñen saída no Mercado que durante este luns 31 e o martes 1 atópase instalado na praza da Ferrería de Pontevedra. As persoas que venden afirman que o amarelo non lle gusta á maioría de compradores. E cada vez, os clientes reclaman máis o centro elaborado en lugar de mercar flores soltas. "Así levan o traballo feito", afirma unha vendedora.
O bo tempo, con ceos despexados e un sol radiante, tamén axuda a que as vendas melloren respecto doutros anos. Aínda que tamén hai vendedoras que se queixan. Cren que este mercado tería que poñerse en marcha o venres e o sábado. "Agora xa é moi tarde", aseguran.
O crisantemo é o que máis se demanda, a flor típica do Día de Todos os Santos nos cemiterios. Hai clientes que chegan a pagar ata 50 euros por un centro. A media do gasto, segundo os comerciantes, pode situarse entre os 20 e os 25 euros.
A praza da Ferrería conta este ano con 145 postos de venda e a maioría dos postos son de vendedores de Pontevedra, principalmente da parroquia de Campañó.