Investigan dous roubos con forza nunha cafetería e un pub de madrugada
Por Natalia Puga & Diego Torrado
'Cerrado porque nos han robado', reza un cartel colgado desde este domingo na cafetería Tiara da rúa Rafael Dieste, na contorna do colexio Sagrado Corazón na zona este de Pontevedra. Unha orixinal forma de explicar aos seus clientes por que non abren as súas portas seguindo o horario habitual. Durante a madrugada do sábado ao domingo foron vítimas dun roubo con forza que lles impide seguir a súa actividade de forma normal.
O roubo xa está a ser investigado pola Policía Nacional do mesmo xeito que outro rexistrado tamén a pasada madrugada na outra punta da cidade, o centro histórico. O obxectivo dos cacos foi o pub Marilyn, na rúa San Julián.
En ambos os dous establecementos os ladróns accederon forzando a porta de acceso, na que causaron danos na fechadura, e tamén coincide o botín que levaron. Nos dous casos, foron a pola caixa rexistradora e fixéronse coa recadación da xornada.
Fontes policiais confirmaron que patrullas da Policía Nacional foron alertadas de ambos os roubos e desprazáronse este domingo ata ambos os establecementos, pero a primeira hora da tarde os donos aínda non formalizaran a correspondente denuncia.
De todos os xeitos, os investigadores xa están a traballar para tentar localizar ao autor ou autores de ambos os delitos e haberá que determinar se se trata de ladróns distintos ou o mesmo que se foi de ruta nocturna e, no canto de tomar copas, colleu caixas rexistradoras.