'Molla a palleta' e ponte 'como un quico' nun Pontedetapas no que comerás 'como unha raíña'
Por Alejandro Espiño
Así de suxerentes, como destacamos no noso titular, son algúns dos lemas cos que se promociona este ano o Pontedetapas.
Un total de 52 establecementos participarán do 3 ao 20 de novembro na novena edición de Pontedetapas, un dos eventos gastronómicos máis esperados polos amantes da boa cociña. E diso, segundo os seus organizadores, Pontevedra ten dabondo. Este ano competirán no certame 32 tapas tradicionais, 25 tapas creativas e 13 cócteles.
Con todas elas, segundo a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, Pontevedra pode presumir da "moi boa" calidade da hostalería local, algo que se traduce na gran saúde da que goza un Pontedetapas que se amplía este ano, por primeira vez, a tres semanas.
Os prezos mantéñense con respecto á pasada edición. Cada tapa custará dous euros e cada cóctel a concurso terá un prezo de tres euros.
Haberá premio á mellor tapa creativa, á mellor tapa tradicional e ao mellor cóctel, aínda que con certas novidades. Un xurado composto polo profesorado do Carlos Oroza probará todas as propostas e fará unha preselección de dez tapas e catro cócteles. Entre eses finalistas, un xurado profesional que se desvelará ao final do concurso escollerá ao gañador.
O creador ou creadora da mellor tapa terá tamén como premio organizar un showcooking dentro da segunda edición da feira Etiqueta Negra, unha iniciativa que busca poñer en contacto ao público cos produtos gourmet que se elaboran en Galicia e cuxa primeira edición celebrarase en Pontevedra coincidindo con Pontedetapas.
A gran novidade é que Pontedetapas contará coa súa propia APP con toda a información sobre o certame e os seus participantes, dispoñible para iOS e Android
Ademais, unha das tapas recibirá a honra de ser elixida como a "Tapa Pontevedra", grazas aos votos do público. Será a encargada de representar á cidade no concurso De tapas por Galicia, que anualmente organiza Turgalicia entre os gañadores das sete grandes cidades. De feito, o último gañador foi pontevedrés: Rubén González do Cafetín.
Pontedetapas fará este ano, por outra banda, un maior esforzo na súa difusión. Así, o pasaporte no que cada cliente pode ir marcando as tapas que xa probou -recibindo premio aquela persoa que máis locais visite- incluirá un mapa coa localización exacta de cada un dos establecementos participantes.
Pero a gran novidade é que Pontedetapas contará coa súa propia APP con toda a información sobre o certame e os seus participantes, dispoñible para iOS e Android, desde onde tamén se poderá votar ás mellores tapas e cócteles. Así, haberá premios para o público que vote de forma presencial e os que o fagan mediante esta aplicación para dispositivos móbiles.
Na pasada edición de Pontedetapas vendéronse 33.000 tapas e cócteles en once días. Iso traduciuse nuns ingresos de 66.700 euros para os locais participantes. Con estas cifras, segundo Anabel Gulías, "é moi difícil non repetir", sobre todo porque o orzamento desta iniciativa son apenas 15.000 euros.
Relacionadas:
-
Loaira, Casa Román e Icewolf, os mellores de Pontedetapas para o xurado; El Cafetín, para o público
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
18 días para degustar o mellor da gastronomía local en pequenos bocados
Por Redacción |
-
Pontedetapas amplíase a tres fins de semana e abre o seu prazo de inscrición
Por Redacción |
-
Rubén González e Sergio Orge (El Cafetín), gañadores do concurso De Tapas por Galicia
Por Redacción |
-
Pontedetapas 2016 manterase en novembro pero estenderase a tres fines de semana completas
Por Redacción |
-
Casa Román, El Cafetín de la Alameda e PTV, premios Pontedetapas 2015
Por Cristina Saiz |