A Fiscalía acusa a oito persoas de integrar un grupo criminal que traficaba con drogas na comarca de Arousa
Por Redacción
A Sección cuarta da Audiencia de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves 3 de novembro un xuízo contra oito persoas acusadas de delitos contra a saúde pública e integración en grupo criminal.
O fiscal pide penas entre os nove e os once anos de prisión para estes oito acusados de participar na venda de cocaína e heroína. O caso procede do Xulgado de Instrución número tres de Vilagarcía.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía ao longo do ano 2012 e ata o mes de maio de 2013, os acusados FJ.S.A., coñecido co alias de "americano", SD.B.C. e M.G.P., viñeron dedicándose subrepticiamente e de modo sostido á provisión e comercialización de sustancias estupefacientes, desde logo heroína e tamén cocaína.
Para o desenvolvemento desta actividade contaron coa colaboración do suxeito estranxeiro identificado como L.V., cuxa identidade consta tamén como N.M., así como da parella deste, a tamén cidadá estranxeira E.A.U..