Un matrimonio e o seu fillo de 8 anos, evacuados de madrugada ao incendiarse a súa vivenda en Cons
Por Diego Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Policía Local e Bombeiros de Pontevedra auxiliaron durante a madrugada de xoves a venres a unha familia tras incendiarse a vivenda na que residen, no lugar de Cons, Mourente.
Afrotunadamente os danos son só materiais e o matrimonio e o seu fillo, de 8 anos de idade, puideron ser rescatados sans e salvos.
O lume iniciouse ao redor das 2:30 horas da mañá no garaxe do inmoble, anexo á casa, utilizado como lugar de almacenaxe e lavandería.
Ao chegar ao lugar, a Policía atopou ao menor e á súa nai no balcón escapando do fume que xa enchía a casa e pedindo auxilio, mentres o home tentaba sacar da planta baixa unhas bombonas de butano.
Os efectivos de emerxencia sufocaron o incendio e, segundo explicaron os Bombeiros, os danos céntranse no propio garaxe, a cociña e o hall da vivenda, o número 40 do citado lugar de Cons. Ademais o fume afectou o resto da casa.
Ata o lugar desprazáronse tamén efectivos do 061 para atender ao home, afectado por inhalación de fume e por unha queimadura nunha man, aínda que non foi necesario o seu traslado a un centro hospitalario.
As tarefas de extinción prolongáronse ata pouco antes das 4:00 da madrugada.