Sanxenxo redobra o esforzo pola reciclaxe do aceite usado
Por Redacción
Seis parroquias de Sanxenxo dispoñen xa de colectores para depositar o aceite usado, pero o goberno municipal quere lograr que todos os veciños se conciencien coa reciclaxe deste material que, de non ser tratado apropiadamente, pode chegar a ser moi contaminante.
Por iso, a concellería de Medio Ambiente instalou este xoves no mercado ambulante de Baltar unha caseta desde a que se distribuíron centos de embudes gratuítos que facilitarán aos veciños a reciclaxe do aceite usado.
Desde o departamento municipal que dirixe Coral González-Haba animaron a todos os veciños a separar os restos de aceite doméstico usado xa que constitúe, na actualidade, unha das principais causas de contaminación das augas residuais urbanas, dado que, en xeral, unha vez utilizados son vertidos polo desaugadoiro á rede de rede de sumidoiros, producindo atascos e malos cheiros nos canos.
"Estas verteduras fan que a depuración das augas sexa tremendamente custosa, ademais de dificultar o normal funcionamento das depuradoras", incidiu a edil, á vez que apuntou que en caso de non producirse unha total depuración destes aceites, "ao devolver ao medio ambiente a auga con aceite, contamina as concas internas, o mar e os acuíferos, interferindo na vida natural e degradando a contorna".
Ademais, tal e como explicaron desde a Concellería de Medio Ambiente, o aceite na auga facilita a proliferación de microorganismos prexudiciais para a saúde.
A praza pública de Vilalonga, o cruzamento de Reiniño en Gondar, a rúa Perla, o Espiñeiro (fronte á farmacia) e a rúa Infantería de Mariña (en Portonovo), o lugar de Outeiro e A Granxa (en Dorrón); á beira do cruceiro da igrexa en Nantes, e o Parque da Panadeira, as rúas Progreso, Poetas Galegos e Ourense (en Sanxenxo) son os espazos onde os veciños poden depositar o aceite usado, que deberá introducirse en botellas de plástico dun máximo de dous litros de capacidade.