46 alumnos comezan o curso na Escola de Cantería
Por Oskar Viéitez
Este xoves celebrouse o acto oficial da apertura do curso académico 2016-2017 da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, na que hai matriculados polo momento 46 alumnos, tanto na modalidade oficial (clases polas mañás de luns a venres) como na específica (clases nocturnas de luns a xoves).
A conferencia de apertura correu a cargo do profesor universitario e escritor, Manuel Caamaño, baixo o título "Vixencia das construcións galegas da arquitectura popular preindustrial".
A presidenta da Deputación, Carmela Silva e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, aproveitaron tamén o acto para reivindicar a tradición histórica que supón a pedra para os galegos e puxeron á Escola de Cantería coma un referente académico imprescindible e reclamaron o recoñecemento dun título profesional para un oficio tan arraigado a Galicia.
Durante o curso pasado estudaron no centro un total de 44 alumnos e realizáronse preto de 20 obras escultóricas e arquitectónicas para diversas entidades e municipios, ademais de traballar na restauración e mellora de moitas pezas do noso patrimonio histórico-artístico.