As obras do Edificio de Usos Náuticos da Illa retomaranse nun prazo de dez días
Por Redacción
De Barro á Illa de Arousa. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, continuou este mércores as súas visitas aos concellos da provincia para revisar as obras feitas ao amparo do Plan Concellos, posto en marcha polo goberno provincial.
Os traballos elixidos foron a apertura dun viario na travesía Entrecortiñas, na que se investiron case 50.000 euros. Con ela estivo o alcalde da vila, Carlos Iglesias.
Carmela Silva asegurou que esta obra, que supón un importante alivio de tráfico na vila, vén a amosar que "hai obras que non teñen que supor millóns de euros pero que transforman por completo as súas contornas".
Ademais, felicitou ao alcalde por dedicar os recursos a facer da Illa un espazo "onde a xente poida vivir con calidade de vida, onde a mobilidade e os espazos públicos sexan unha área moi grande de acción política ao ser a única vía para a socialización", xa que segundo a presidenta "os lugares onde pasamos toda a nosa vida se teñen que converter en espazos amables".
A presidenta da Deputación asegurou tamén que nun prazo de arredor de 10 días comezarán as obras para o Edificio de Usos Náuticos, no que o goberno provincial inviste 1.200.000 euros a maiores, que, por mor dun problema no estudo anterior relativo á estrutura do edificio, tiveron que ser suspendidas.
A Deputación de Pontevedra destinou á Illa de Arousa neste ano 2016 preto de 523.000 euros, isto é, un investimento de 105,50 euros por habitante.
Case 400.000 euros foron no marco do Plan Concellos cos que se está a realizar a pavimentación de distintos lugares, a recuperación da Praza do Charco e o acondicionamento da Escola de Pau. Tamén se crearon trece postos de emprego nos servizos municipais, ademais de recibir tres bolseiros nos plans de práctica laboral.
Á marxe deste plan, A Illa de Arousa recibiu 30.500 euros en materia de política social para axudas de emerxencia, iniciativas de lecer, axudas no fogar ou programas de igualdade; máis de 12.000 euros para actividades culturais, 21.000 euros para apoio do Atlantic Fest ou más de 20.000 euros para colaborar con entidades deportivas.