Tino Fernández móstrase partidario da disciplina de voto e pide un congreso galego do Partido Socialista
Por Oskar Viéitez
O secretario xeral local do Partido Socialista, portavoz do grupo municipal no concello de Pontevedra, Agustín "Tino" Fernández, xustificou na "frustración, certa vergoña e certa rabia polo que está a pasar", o cartel que os concelleiros do PSOE levaron esta semana ao pleno en defensa do "non é non" e con consignas en favor de Pedro Sánchez.
Tino Fernández, Paloma Castro e Iván Puentes fixéronse así eco da opinión da posición maioritaria da agrupación socialista de Pontevedra de que "os votos do PSOE non están para deixar gobernar á dereita máis corrupta e retrógrada de Europa", explicou o primeiro.
O portavoz municipal do PSOE mostrouse partidario de respectar a disciplina de voto. A fractura interna no PSOE, escenificada entre quen se expresa a favor e en contra da abstención no Comité Federal da pasada fin de semana, abre un debate sobre se hai que deixar liberdade de voto para que cada deputado actúe segundo a súa conciencia.
"É unha decisión democrática que se tomou no Comité Federal que nós imos combater democraticamente pero que imos respectar", dixo Tino Fernández lembrando que os parlamentarios saen elixidos porque van nunha lista dun partido "e teñen que respectar as decisións que se toman democraticamente nese partido".
"Aínda que eu non estea de acordo eu entendo aos compañeiros que van votar o que marque o comité federal, pero tamén digo que entendo aos que teñen reticencias morais porque evidentemente tamén nalgúns casos rompeu a disciplina de voto por cuestións morais e non pasou nada", engadiu.
"Creo que é unha decisión propia e persoal de cada un aínda que eu son partidario da disciplina de voto", insistiu Tino Fernández.
XESTORA GALEGA
O secretario xeral local do Partido Socialista en Pontevedra tamén avogou pola convocatoria dun congreso galego. "Non entendo a postura da xestora de Madrid de non permitir que solucionemos un problema e que actuemos democraticamente", apuntou.
Tino Fernández cre que é "necesario" que haxa un congreso galego "canto antes", e en tanto iso non sucede destaca que a xestora de Galicia "está absolutamente lexitimada" para seguir dirixindo os temas desta comunidade, "porque foi nomeada polo órgano que tiña que nomeala, por tanto se respectamos a decisión que sae do Comité Federal o domingo temos que respectar as decisións que se tomaron antes respecto ao nomeamento da xestora senón estariamos a facer un uso un pouco torticero do que é a democracia", concluíu.
Relacionadas:
-
O "non é non" do PSOE a Rajoy chega ata o pleno municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Un grupo de militantes socialistas de Pontevedra esixen que se manteña o "non" a Rajoy
Por Oskar Viéitez |
-
Absteranse os socialistas pontevedreses ou manterán o seu non a Rajoy?
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva cualifica de "dramática" a situación do PSOE
Por Redacción |
-
A crise interna do PSOE chega a Pontevedra, divididos entre partidarios de Sánchez e dos críticos
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada