Localizan nunha zona de difícil acceso o cadáver do ancián de Cotobade desaparecido desde o xoves
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O helicóptero da Garda Civil atopou este martes o cadáver de Manuel Calvo, o veciño de Cerdedo-Cotobade de 84 anos desaparecido na tarde do pasado xoves 20 de outubro na zona de Atalaia. O corpo estaba nunha zona de difícil acceso moi próxima ao río e non moi lonxe do punto no que fora visto por última vez.
O corpo sen vida de Manuel Calvo foi localizado sobre as 12.10 horas deste martes, cando faltaban poucas horas para chegar aos cinco días de desaparición, nunha leira coñecida como Chan do Camiño. O dispositivo establecido para buscalo incluía un helicópero despois de varios días sen resultados nos rastrexos por terra e este martes estaba previsto que comezaran a buscar no río. O persoal dese vehículo avistouno, deu aviso aos integrantes do operativo en terra e a Garda Civil e Protección Civil desprazáronse ata alí.
A Garda Civil puido comprobar que se trataba do corpo de Manuel e deuse aviso á Policía Xudicial e ao Xulgado de Garda, de modo que unha comisión xudicial e o forense desprazáronse ata Cotobade para o levantamento do cadáver.
O corpo estaba nunha zona de tan difícil acceso que desde a Garda Civil pediuse a colaboración dos especialistas de rescate do Grupo de Montaña de Trives, para conseguir sacar o corpo do falecido do lugar onde se atopaba. Evacuárono por aire, coa axuda dun helicóptero, ao redor das 15:00 horas pera levalo ata o campo de fútbol de Viascón, onde esperaba o equipo forense.
A familia de Manuel Calvo tiña na zona varias leiras e barállase que o home se acercara a velas e, sorprendido pola noite, se desorientase e xa non conseguira regresar á casa. Puido morrer por causas naturais polo frío nocturno na zona, pero terá que ser a autopsia a que determine a causa de morte.
Tras a localización, a familia sinalou que, pola súa parte, xa empezaran a descartar a posibilidade de atopalo con vida. Dentro da tristeza que lles provoca o falecemento, sinalan que lles xera tranquilidade que o corpo aparecera e poder darlle o enterro oportuno.
Relacionadas:
-
Preto de 100 persoas continúan na busca do home desaparecido en Viascón
Por Anxo Lourido |
-
Amplían aos municipios limítrofes o radio de busca do octoxenario desaparecido en Cotobade
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Máis de 50 persoas buscan a un octoxenario desaparecido en Cotobade
Por Natalia Puga |