VÍDEO.- "Teño medo. Vou deixar a miña casa, intentarei cambiar de traballo para que non sepa onde estou"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A.B.V.V. Son catro iniciais que esconden detrás unha dramática historia de violencia de xénero. A súa protagonista ten 23 anos e este domingo viu como un lume presuntamente provocado polo seu ex mozo destrozaba por completo o interior da súa casa na zona do Marco, en Pontevedra. Foi a gota que colmou o vaso dunha relación de dous anos que rematou hai tan só un mes e na que, segundo relata, xa houbo episodios anteriores de violencia que ela nunca denunciou. Confiaba en que el cambiara e deulle segundas e terceiras oportunidades. Agora xa non volverá facelo, pero é consciente de que "eu teño que cambialo todo", casa, traballo, amizades, para intentar fuxir del.
Aínda asustada, intentando facerse a forte sen moito éxito, este luns acudiu ao Xulgado de Garda da Parda para declarar contra quen foi o seu mozo, Cristian, de 21 anos. Chegou intentando facerse a valente, pero sen lograr agochar que está asustada. "Teño medo, realmente cólleslle medo. Non queres, queres ser forte, queres tirar para adiante, pero non podes aguantar esta situación", recoñeceu en declaracións a PontevedraViva e TVE.
O seu avogado chegou aos xulgados coa intención de pedir que o mozo ingresara en prisión provisional pola gravidade dos feitos do domingo, pero ela recoñeceu que a súa prioridade é que non poida achegarse a ela. "Eu pedín exclusivamente que non o quero cerca de min, que non o quero nin en Pontevedra", indicou. Segundo relatou, "el non é de aquí e pedin que non se poida acercar a Pontevedra, polo menos durante unha larga temporada, mentres que eu busco un sitio onde meterme para que non me encontre".
O relato desta vítima de violencia de xénero é duro de escoitar, tanto no que conta que "cargamos cos problemas case desde que empezamos" e que "chegou un momento en que era acosarme, mirar con quen subía, con quen baixaba, quen me deixaba na casa..." como cando ela intenta mirara cara adiante, pois ten un proceso longo no que "eu vou deixar a miña casa, vou cambiar todo, intentarei cambiar se se pode ata de traballo para que non sepa onde estou e que non me siga perseguindo, buscándome, vixiándome, eu teño que cambialo todo".
O domingo, cando foi ao seu traballo "insultándome, chamándome de todo, decíndome que non valo para nada" colleu medo e mesmo foi á casa a recoller o seu can e as súas cousas, pensaba que "el entraría na miña casa, destrozaría algo", pero non que chegar tan lonxe. De feito, cando a chamaron os bombeiros e lle dixeron que a súa casa estaba chea de lume "foi cando xa dixen eu: isto pasouse de castaño oscuro".
Agora espera "que a xustiza realmente o cambie, que vexa que isto non se lle pode facer a unha muller. As mulleres estamos aquí tamén para axudar, non soamente para que se nos maltrate e se nos use como trapos".
Chama ao 016, teléfono confidencial para vítimas de violencia de xénero. Non deixa rastro na factura.