O Concello dá luz verde ao expediente sancionador a César Abal a instancias da edil de Cidadáns
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra deu luz verde á apertura dun expediente sancionador ao concelleiro do Partido Popular, César Abal, a petición da concelleira de Cidadáns, María Rey.
Segundo o secretario do Pleno o órgano competente para decidir esta apertura de expediente é a Xunta de Goberno polo que hoxe cumpriuse con este formalismo.
"Acordamos dar traslado dese escrito a Don César Alberto Abal González para que no prazo de dez días faga as alegacións que considere oportunas", informou o portavoz do Goberno local, Raimundo González.
O pasado mes de xullo, a concelleira María Rey presentaba un escrito no que reclamaba a apertura dun expediente sancionador contra César Abal, ao que considera autor dunha falta "moi grave" por filtrar á prensa un expediente municipal con información sobre a súa exparella.
Todo parte da pasada campaña electoral. O pasado 16 de xuño, o xornal ABC publicaba que María Rey, candidata de Cidadáns ao Congreso pola provincia e concelleira na capital, foi multada no ano 2014 por falsificar un cartón de estacionamento para aparcar en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, cando a sanción era por usala de forma fraudulenta non pola suposta falsificación.
Calquera persoa que queira consultar un expediente no Concello debe asinar nun rexistro e María Rey asegura que o edil do PP "foi o único que accedeu a el" antes de facerse público na prensa. "Tivo que ser el, supostamente, o que o enviou ao xornal", asegurou no seu día a edil.
Raimundo González descoñece o alcance que pode ter este expediente "acordamos dar traslado pero nada máis" explicou.
É a primeira vez que se dá esta circunstancia no Concello de Pontevedra polo que o portavoz municipal mostrouse moi cauteloso sobre este proceso, deixándoo en mans dos servizos xurídicos, "unha vez que se fagan as alegacións por parte do denunciado seguiranse dando os pasos que correspondan".
"Ao non ser cargo directivo o encaixe sancionador é moi complicado", engadiu.
María Rey insiste en que a suposta filtración de César Abal incumpriría as leis de transparencia e protección de datos, xa que o coche sancionado estaba a nome da súa exparella -igual que o expediente- e os datos facilitados á prensa "son doutra persoa que non son eu". Ademais, Abal tamén violaría, segundo entende a portavoz de Cidadáns, o "deber de sixilo" que teñen que respectar todos os concelleiros da corporación municipal.
Relacionadas:
-
Arquivan a denuncia presentada por María Rey contra César Abal
Por Alejandro Espiño |
-
César Abal agarda que María Rey ofreza desculpas e unha explicación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
María Rey esixe sancionar a César Abal por filtrar á prensa información sobre ela e a súa ex parella
Por Alejandro Espiño |
-
Unha polémica ao redor de María Rey enturba a campaña
Por Natalia Puga |