O Depo Ruarte remata con exhibicións de graffiti, hip-hop e funky
Por Mónica Patxot
Concluíu o programa Depo Rúarte 2016 este venres 21 cunha exhibición na Alameda de Pontevedra na que participaron ao redor de 200 mozos da provincia. Este peche contou con exhibicións de grafiti, hip-hop e funky, unha mostra das actividades desenvolvidas dentro deste programa ao longo do verán.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva e a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, asistiron a este evento e recoñeceron que o éxito desta iniciativa radica en que as actividades estiveron moi relacionadas cos intereses da mocidade, grazas á conexión establecida cos interesados a través da web.
O obxectivo deste programa foi buscar a participación activa dos mozos en concellos de menos de 50.000 habitantes a través de actividades innovadoras, dinamizadoras e tamén educativas. Desenvolvéronse a través de cinco temáticas: música e baile, arte urbana, creatividade, deporte e cociña.
Ao redor de 450 estudantes de 28 concellos participaron nestas propostas que contaron cun orzamento de 100.000 euros.