Un pontevedrés, testemuña crave no xuízo polas tarxetas black de Caja Madrid
Por Natalia Puga
Este luns 24 de outubro retómase na Audiencia Nacional o xuízo polas coñecidas como 'tarxetas black', no que sentan no banco 65 ex conselleiros e ex directivos das dúas entidades bancarias implicadas, Caja Madrid e Bankia, por apropiarse de forma indebida de 12 millóns de euros pagando coas súas visas opacas roupa, viaxes ou comidas, todo de luxo. O escándalo é de dimensións incalculables e centra as miradas de toda España, que, ademais, este luns, poderán poñer o seu foco de atención nun pontevedrés, Jaime Terceiro.
Jaime Terceiro Lomba, actual conselleiro de Bankinter, comparecerá en calidade de testemuña para falar da súa época como presidente de Caja Madrid. Asumiu a responsabilidade entre os anos 1988 e 1996, sendo o antecesor de Miguel Blesa, e durante as xornadas do xuízo de declaración dos acusados este último quixo poñer o ventilador e botarlle as culpas.
Terceiro, moi vinculado á cidade de Pontevedra, onde mesmo é propietario xunto á súa familia dun pazo no centro histórico, era presidente de Caja Madrid cando se crearon as famosas 'tarxetas black' en 1988, por iso é polo que hai quen tenta endosarlle o morto, pero o fiscal Anticorrupción excúlpao no seu escrito de acusación.
O fiscal sostén que o esquema de retribución que se creou en 1988 baixo responsabilidade de Terceiro estaba enfocado aos como gastos de representación e non se viciou ata que chegou ao cargo Miguel Blesa e permitiu que se utilizasen os cartóns opacos para gastos persoais. Na súa orixe, aprobáronse estes cartóns para compensar os "esforzos e dedicación á entidade" dos conselleiros de Caja Madrid "cubrindo polo menos os custos en que se incorre polo exercicio da súa función", dado que era unha época na que os cargos desta entidade recibían retribucións inferiores ás doutros bancos.
Jaime Terceiro é enxeñeiro aeronático, economista e catedrático de Fundamentos da Análise Económica da Universidade Complutense de Madrid. Académico de número da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, foi presidente de Caja Madrid e director xeral do Banco Hipotecario de España e recibiu o premio Rey Juan Carlos I de Economía (2012) pola súa labor precursora en detectar os problemas das caixas de aforro.