A avespa velutina aséntase en Sanxenxo
Por Redacción
A avespa velutina comeza a asentarse en Sanxenxo na súa expansión por Galicia, converténdose nunha praga que desde a Consellería do Medio Rural queren manter controlada, a pesar de que a súa presenza non supón risco algún para o ser humano. A esta tarefa sumouse este ano 2016 o Servizo Municipal de Emerxencia de Sanxenxo, cuxos efectivos traballan na eliminación de niños unha vez que reciben esta orde da propia Consellería.
Aínda que non supón máis perigo que a avespa autóctona para a poboación humana, a súa depredación para os insectos autóctonos, e de forma concreta para as colonias de abellas, ocasiona importantes danos. Para alimentar as súas larvas, esta avespa asiática captura insectos como orugas, formigas, bolboretas, pulgóns pero sobre todo obreiras dalgunhas especies de abellas. Isto non só produce un gran impacto a nivel ambiental, co que pode supoñer nos efectos na entomofauna local e para a polinización, senón tamén considerables perdas económicas nas producións apícolas.
No que vai de ano Emerxencias de Sanxenxo atendeu un total de 58 avisos, derivados das chamadas que os cidadáns que detectan a presenza dun niño poñen en coñecemento da Consellería a través do 112, para casos de emerxencia con persoas alérxicas, ou do 012 se o niño é avistado no monte.
Estes 58 avisos permitiron eliminar un total de 17 niños, que unha vez neutralizados son calcinados para a súa desaparición total; 4 foron neutralizados pero permanecen no mesmo lugar debido á imposibilidade de acceder para a súa retirada; en dous casos, Emerxencias non puido acceder aos niños localizados e é a Consellería quen estuda novos métodos para poder actuar. En 14 avisos os efectivos municipais comprobaron que os cidadáns confundían os niños de avespa velutina con avespas comúns e noutras 7, os cidadáns alertaban da presenza do insecto pero non se localizou ningunha anidación nas proximidades. En 12 casos os avisos estaban duplicados.
Este mesmo venres Emerxencias ten activas dúas actuacións, unha delas no cemiterio de Vilalonga e outra en Soutullo, Noalla, onde os niños serán neutralizados nas próximas horas.
Relacionadas:
-
Emerxencias Sanxenxo eliminou 190 niños de velutina durante 2017
Por Redacción |
-
Ollo, isto non se toca! Son trampas para eliminar avespas asiáticas
Por Redacción |
-
Denuncian a presenza dun gran niño de avespa asiática en Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
O servizo municipal de emerxencias de Vilagarcía retirou 128 de vespa velutina nun ano
Por Redacción |