Un vehículo 'atropela' as galiñas da escultura do mercado e é necesario trasladalas a reparar
Por Natalia Puga
A escultura das galiñas situada ante a praza de abastos de Pontevedra foi vítima dun atropelo e, para curarse das feridas, os animais tiveron que ser retirados do lugar que ocupan desde o ano 2009.
A ausencia dos dous animais, que deixou soa á muller que lles dá para comer, non pasou desapercibida aos viandantes, que levan dous días preguntándose quen as roubara, pero non hai ningún ladrón nesta historia, senón tan só a mala sorte do condutor dun vehículo que o mércores chocou co conxunto escultórico.
Todo ocorreu, segundo informou a Policía Local, sobre as 12.30 horas deste mércores 19 de outubro. Un vehículo Mercedes Benz chocou coas dúas galiñas e causou danos nas patas dunha delas. O resto do conxunto escultórico quedou intacto, pero foi necesario retirar as dúas galiñas para levalas a reparar.
A escultura incluía inicialmente a unha muller, catro galiñas e un galo, pero na actualidade xa só había dúas galiñas e a muller que lles daba para comer.
O conxunto escultórico obra de Cuqui Piñeiro foi obxecto no pasado de actos vandálicos e outro tipo de ataques, por iso é polo que as persoas que este venres chegaron á zona nun dos días de maior afluencia no mercado de abastos chegasen a pensar que a historia se había repetido, pero non é o caso e prevese que as patas poidan ser reparadas.