Un grupo de militantes socialistas de Pontevedra esixen que se manteña o "non" a Rajoy
Por Oskar Viéitez
Un grupo de 81 militantes da agrupación local do Partido Socialista en Pontevedra, entre eles o presidente local, Agustín Fernández, asinaron un escrito dirixido á Comisión Xestora do PSOE no que instan a "que se manteña o acordo de votar NON á investidura de calquera candidato do PP".
Segundo explicaron en rolda de prensa Carlos Cancela e Guillermo de la Riega, a recollida de firmas iniciouse hai tres días de maneira espontánea despois do ocorrido nas últimas semanas. Afirman sentirse "perplexos" pola actuación dos seus representantes "nun órgano de decisión do partido que debería ser, fundamentalmente, de intercambio de opinións de decisións meditadas e razoadas".
Este grupo de socialistas pontevedreses acusan á dirección do partido dun "menosprezo" cara á militancia ao "conculcar a normativa establecida para erixirse en líderes cun poder absoluto, subvertendo a ideoloxía basee da institución".
Por este motivo tamén instan a que a Comisión Xestora "non se arrogue nin asuma funcións que non lle son propias e non lle corresponden estatutariamente".
Ademais piden a convocatoria dun Congreso Extraordinario para a elección da Comisión Executiva Federal, así como a celebración previa de primarias para a elección da Secretaría Xeral "mantendo o funcionamento dos últimos tempos no que se refire a participación activa e democrática de toda a militancia".
Estes militantes queren ademais unha consulta vinculante en relación coa toma de acordos respecto da formación de goberno ou ante a posibilidade de modificar ou revogar os acordos do Comité Federal.
E finalmente, esixen que se proceda á celebración de primarias para a elección de candidato á presidencia do Goberno no caso de convocatoria de novas eleccións.
Relacionadas:
-
Tino Fernández móstrase partidario da disciplina de voto e pide un congreso galego do Partido Socialista
Por Oskar Viéitez |
-
Absteranse os socialistas pontevedreses ou manterán o seu non a Rajoy?
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva cualifica de "dramática" a situación do PSOE
Por Redacción |
-
A crise interna do PSOE chega a Pontevedra, divididos entre partidarios de Sánchez e dos críticos
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada