Empezan as obras para mellorar o firme da PO-308 entre Pontevedra e Sanxenxo
Por Redacción
A Xunta de Galicia iniciou as obras de mellora do firme na estrada PO-308 ao seu paso polos concellos de Sanxenxo e Pontevedra, unha actuación que ten un prazo de execución de aproximadamente dous meses e que ten como obxectivo último a mellora da seguridade viaria na zona.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), adxudicou as obras á empresa Construccións Obras e Viais S.A (COVSA) por un importe de máis de 39.000 euros.
Os traballos consisten na reparación do firme naqueles tramos nos que a capa de rodadura se atopa deteriorada, na estrada PO-308, dende o seu inicio en Pontevedra ata o punto quilométrico 15+350, á entrada da travesía de Sanxenxo.
A solución elixida para o reforzo do firme centrarase primeiro no fresado da capa de rodadura nas zonas deformadas, e posteriormente, realizaranse accións de reposición.