Incautan 8.000 pastillas de ansiolíticos nun control na AP-9
Por Redacción
Preto de oito mil comprimidos dun medicamento que supostamente adquiriran con receitas falsificadas. É o material que incautou a Garda Civil a bordo dun vehículo que foi inspeccionado nun control de estrada na autoestrada AP-9, á altura da peaxe de Vilaboa. Os seus ocupantes foron detidos.
Ao interceptar un turismo -un Alfa Romeo 147 de cor negra-, que conducía un cidadán de nacionalidade marroquí, A.S., de 33 anos e residente en Salamanca, os axentes comprobaron que o seu acompañante, J.M.G.G. de 48 anos e natural de Alxeciras, non portaba ningún tipo de documento de identidade, tan só levaba un cartón de asistencia sanitaria.
Esta circunstancia, unida ao evidente estado de nerviosismo que mostraban os dous ocupantes e as incoherencias das súas respostas, deu lugar a que tanto as persoas como o vehículo fosen obxecto dun minucioso cacheo e dun rexistro.
O condutor, segundo a Garda Civil, portaba 1.315 euros nun dos petos do pantalón e un rolo de filme transparente nunha maleta. No rexistro, localizouse escondido no pase de rodas unha importante cantidade de blisters con pastillas de Rivotril, empaquetadas en lotes co mesmo plástico transparente que levaba o condutor na súa maleta.
Noutra das rodas atopouse outra importante cantidade de pastillas, xunto con 64 receitas asinadas e seladas por un recoñecido médico especialista en psiquiatría de Madrid. Ademais, debaixo da funda do volante acharon 800 euros en billetes.
En total, procedeuse á incautación de 64 receitas, con firma e selo supostamente falsificado, 2.155 euros en efectivo e 515 blisters que contiñan 7.725 comprimidos de Rivotril, un fármaco de propiedades ansiolíticas e hipnóticas, que supostamente adquiriron en farmacias de distintas localidades coas receitas falsificadas.
Os dous ocupantes do vehículo foron detidos por un delito contra a saúde pública e outro de falsificación de documentos e postos en liberdade. O caso quedou baixo a supervisión do xulgado de instrución de garda de Cangas, onde terán que declarar cando sexan requiridos polo xuíz.