Luita Verde denuncia agresións ambientais no río Loira e pide solucións
Por Redacción
O colectivo ecoloxista Luita Verde denuncia varias actuacións que ameazan ao río Loira, en Marín. Entre elas, cortas de arborado autóctono da ribeira -ameneiros, salgueiros e abelaneiras- das que non consta autorización e plantacións de eucalipto enriba da propia ribeira, na zona de brañas e ata a área de servidume do propio leito do río.
A denuncia presentouse por escrito no rexistro do Servizo Territorial Galicia Sur de Augas de Galicia e inclúe outras situacións no río Loiracomo fortes desprendementos de terras á beira do mesmo, restos das cortas obstaculizando o propio leito e verteduras incontroladas de residuos orgánicos con especies de xardinaría invasoras, e inertes con residuos metálicos tóxicos e perigosos e entullos de obra.
A zona afectada está situada entre as parroquias de Seixo, O Campo e Piñeiro e afecta a un tramo duns tres quilómetros no que está a área de protección de servidume de paso e de policía do dominio público hidráulico dentro de solo rústico de especial protección de augas do río Loira, así como aos seus valores ambientais, culturais e sociais.
Ademais, segundo o colectivo, en varias áreas do mesmo río existe unha forte presenza de especies de flora alóctona e invasora que están a gañar terreo e a desprazar de xeito preocupante a vexetación autóctona, produto do abandono das labores agrícolas nos arredores, de verquidos incontrolados de residuos de podas e desbroces de xardíns nas proximidades ou por espallamento de semente desde outras áreas próximas.
Luita Verde solicita que se comproben estes feitos denunciados, se abra un expediente sancionador e se actúe para poñer fin ás situacións enumeradas.
Ademais, pide a Augas de Galicia que, coa colaboración co Concello de Marín, proceda á recuperación ambiental e posta en valor do conxunto patrimonial a nivel natural, cultural e etnográfico do río Loira-Neibó coa erradicación da flora alóctona e invasora, a restauración de muíños e outras mostras do patrimonio etnográfico recuperables, e a creación dun sendeiro sinalizado de pequeno percorrido que vaia desde preto do seu nacemento no regueiro de Maceiras ata a súa embocadura na praia de Loira.