O PP critica o "desleixo reiterado" do goberno local con Lourizán
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra criticou o "desleixo" do goberno local con respecto á parroquia de Lourizán, algo que "non é novo, pois levan anos sometendo a un total abandono a esta parroquia pontevedresa", sinalaron este luns os populares.
Tras realizar unha visita á zona e falar con diversos veciños, os concelleiros do PP consideran "lamentable" a situación de "insalubridade que sofren". Entre outros, o grupo popular urxe unha limpeza profunda do lugar, "pois a recollida de lixo é inexistente nesta zona, e incluso, os veciños vense obrigados a convivir cos vertedoiros incontrolados que abundan en varias leiras de Caritel".
Ademais, afirmaron que a falta de recollida de augas pluviais provoca que no inverno numerosas vivendas se inunden.
"O camiño de acceso ás vivendas está abandonado por completo, de feito, tras a caída dun dos muros colindantes a zona de paso quedou limitada", sinala a concelleira popular, Aurora Cañizares, que resalta tamén que os puntos de luz deste camiño son insuficientes.
"A estes problemas súmase a falta de accesibilidade, pois nin ambulancias, nin taxis, nin bombeiros poden empregar o camiño para acceder as vivendas deste zona", manifestou a edil popular que solicitará ao BNG "que poña fin a este maltrato ao que ten sometido aos veciños de Caritel, pois todas as parroquias deben contar cos servizos mínimos necesarios para vivir".