Maratón de aprendizaxe para o alumnado de Fisioterapia
Por Redacción
O Medio Maratón de Pontevedra celebrado este domingo contou, un ano máis, coa colaboración das unidades de voluntariado da Facultade de Fisioterapia, que nesta xornada realizaron, na carpa instalada no Centro de Tecnificación Deportiva, o maior despregue de estudantes do presente curso.
Non en van, en preto de tres horas, os doce alumnos que colaboraron con esta proba prestaron a súa asistencia, baixo a supervisión de tres coordinadores, a preto dun cento de corredores.
Esta iniciativa, como sinala a coordinadora destas unidades, Yoana González, permítelles poñer en práctica con casos reais os tratamentos que previamente abordaron nas aulas.
"A maioría dos casos que atendemos foron sobrecargas musculares e algunhas posibles roturas", sinala González dunha proba que, polas súas características, implica concentrar un alto número de atencións nun curto período de tempo. "Por iso necesitamos máis xente que noutros eventos deportivos cos que colaboramos, para poder tratar canto antes a xente que vén de facer 22 quilómetros", explica esta profesora, que na mañá deste domingo foi, xunto ao tamén profesor da facultade José Manuel Pazos e á egresada Alejandra Alonso, a encargada de axudar e supervisar ao alumnado nas diferentes asistencias.
Máis aló dos tratamentos, os alumnos que colaboraron con esta iniciativa tamén puideron vivir unha mañá de aprendizaxe práctica no relativo á prevención de lesións, "que é algo totalmente diferente, xa que non tes que aplicar un tratamento, senón pautar unha serie de estiramentos, exercicios e coidados ao deportista", explica González.
Un bo número de asistencias prestadas a corredores nesta xornada centráronse precisamente en prescribir unha serie de pautas para que, debido ao "esforzo tan grande" que supuña este medio maratón, os corredores puidesen recuperarse do mellor xeito das molestias que a carreira xerou nas súas pernas, costas e ombreiros.