21 empresas optan a realizar as obras de Luis Rocafort
Por Redacción
Un total de 21 empresas optan a realizar as obras de mellora da avenida Luís Rocafort en Sanxenxo. Este martes celebrouse na Deputación de Pontevedra unha mesa de contratación para abrir os sobres coa documentación técnica proposta polas empresas.
O seguinte paso será que os técnicos provinciais do departamento de Mobilidade analicen a documentación das plicas e emitan informe.
Despois reunirase de novo a mesa de contratación para coñecer as ofertas económicas aportadas, que poderán rebaixar o prezo de licitación da obra, fixado en 1.650.759,28 euros.
Entre as empresas que se presentaron hai, maioritariamente, firmas galegas de construción que optan á obra de xeito independente ou constituídas en UTE, se ben a execución do proxecto integral de mobilidade para a avenida Luís Rocafort tamén resulta atractivo para outras compañías de maiores dimensións como Obrascón Huarte Laín, Dragados ou Elsamex.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez lembrou que a licitación do proxecto se está a realizar por trámite de urxencia co obxectivo de acurtar os prazos, polo que os informes técnicos estarán listos en breve coa intención de ter os traballos iniciados a finais deste exercicio. Na licitación contémplase un prazo de execución das obras de oito meses, mais nos pregos está recollido que as empresas que presenten ofertas que reduzan ese prazo serán mellor valoradas.
As obras da avenida Luís Rocafort de Sanxenxo executaranse grazas ao convenio asinado o pasado mes de abril. Con el, a Deputación de Pontevedra asumiu a mellora da rúa e a ampliación do ámbito de actuación a toda a vía, así como o financiamento do sobrecuste derivado de todas esas actuacións. A institución provincial pasará de aportar 606.000 euros a achegar máis de 1,15 millóns de euros, o que supón o 70% da inversión total na rúa (1,65 millóns de euros).
Segundo indicou Benítez, a Deputación tomou a decisión de correxir e aumentar o proxecto inicial de Luis Rocafort para subsanar graves deficiencias en materia de mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria, así como a renovación do saneamento, que non estaba contemplada no traballo contratado pola anterior corporación provincial.
"O novo proxecto para Luis Rocafort redactado por Jesús Fole cumpre os criterios que queremos aplicar para as vías provinciais de mobilidade sustentable e mellora sensiblemente a calidade urbana prevista inicialmente. É unha actuación á altura do que merece Sanxenxo na que se quere poñer de relevancia que hai prioridade para os peóns, xa que é unha conexión fundamental coa praia de Silgar", subliñou Benítez.
As novas beirarrúas terán largos de entre 2,5 e seis metros, limitarase a velocidade a 30 quilómetros hora, instalaranse máis de 60 luminarias para garantir a seguranza viaria (no proxecto inicial prevíanse 14), construiranse cinco pasos de peóns sobreelevados e outras cinco plataformas elevadas nas interseccións, colocaranse estacionamentos de bicicletas e motocicletas, así como novo mobiliario urbano e máis de medio cento de palmeiras, entre outras melloras.
"Trátase de transmitir que é unha vía urbana na que hai prioridade peonil, coidando moito os tránsitos de persoas con mobilidade reducida na conexión coa praia de Silgar", explicou o arquitecto Jesús Fole, redactor do deseño.
Relacionadas:
-
As construtoras rebaixan ata un 24% o prezo de licitación da reforma de Luís Rocafort
Por Redacción |
-
A mesa de contratación coñecerá este mércores as ofertas económicas para realizar as obras de Luis Rocafort
Por Redacción |
-
A avenida Luis Rocafort de Sanxenxo estará reformada en 2017
Por Redacción |
-
Por que o tripartito de Sanxenxo agradece a Telmo Martín a súa valentía?
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación e o Concello de Sanxenxo selan o acordo para a reforma da Avenida Luis Rocafort
Por Redacción |