Malestar na oposición tras sentirse excluídos da xestión dos fondos europeos
Por Alejandro Espiño
A creación dun grupo de participación social que ten por obxecto supervisar o desenvolvemento do programa +Modelo Pontevedra 2016-2022, que recibiu unha subvención de dez millóns de euros de fondos europeos, converteuse nun novo cabalo de batalla entre o grupo de goberno no Concello de Pontevedra e a oposición municipal.
A oposición, formada por PP, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns, expresaron o seu malestar tras ser excluídos de poder participar neste grupo, onde os cidadáns e os colectivos sociais poderán presentar ao goberno local as súas propostas e analizar os proxectos que se executarán con cargo a estes fondos europeos.
Luís Bará anunciou que o Concello, tal e como se recollía no proxecto presentado á UE, creará un órgano interno para a xestión administrativa e orzamentaria deste proxecto que se encargará da "complexa" tramitación que implica a concesión destas axudas, que se teñen que axustar aos requirimentos da convocatoria.
O grupo de participación social, onde estarán representados o goberno local e entidades sociais que queiran colaborar na xestión destes fondos, "non será un órgano decisorio", segundo Bará, pero a súa opinión será tida en conta á hora de acometer os proxectos que integran o programa que foi seleccionado.
Ademais, poderán participar nestas reunións outras administracións cando estas "teñan que ver" coas actuacións que se vaian a desenvolver.
Todos os asuntos que se traten neste grupo de participación social serán trasladados ao Consello Económico e Social (CES) antes da súa aprobación definitiva. Tamén serán analizados na comisión de Mobilidade, onde si está a oposición. Será nela onde poderán presentar as súas propostas, xa que terá unha "función de seguemento" de toda esta estratexia e "moito peso" á hora de tomar decisións.
Unha destas primeiras decisións que haberá que adoptar será a redefinición do proxecto, orzado para os quince millóns de euros solicitados. Ao recibir dez millóns, segundo Bará, hai dúas opcións: rebaixar un terzo o custo de todos os proxectos ou ben "reaxustar ou unificar" algunhas destas actuacións "e facelas máis pequenas".
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
A pesar diso, a oposición asegura ser vítima dun veto por parte do goberno municipal. O edil do PP César Abal chegou a cualificalo como unha "pucherazo" do BNG, ao asegurar que o compromiso do Concello era acordar o proxecto no marco do CES, do que hoxe, dixo, "se ha certificado su fallecimiento".
"El BNG sigue con su cerrazón, están cada vez más aislados", engadiu Abal, que afirmou sentirse "estafado" porque os nacionalistas decidirán o destino dos dez millóns de euros conseguidos "sin consenso, sin aportaciones y vetando a los demás grupos".
Pola súa banda, o socialista Iván Puentes tamén mostrou o seu malestar a través da súa conta de Twitter e asegurou que o BNG só contou coa oposición durante a tramitación "porque lles daba máis puntos se o proxecto era consensuado" e os demais partidos podían presentar as súas propostas.
O BNG exclúe á oposición do órgano de participación que decidirá en qué se invisten os 10 millóns do Programa DUSI #LuisBará #OConcelloSonEu
— Iván Puentes (@ivanpuentes) 11 de octubre de 2016
Tamén os portavoces de Marea e Cidadáns, Luís Rei e María Rey, criticaron esta decisión, lamentando que o BNG "estea xa en precampaña para as eleccións municipais", segundo a representante do partido de Albert Rivera.