Declarada deserta, por terceira vez, a licitación para aumentar o calado na terminal de colectores de Marín
Por Oskar Viéitez
O Boletín Oficial do Estado deste luns 10 de outubro publica a resolución da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra pola que se acorda declarar deserta a licitación para a contratación das obras "Mellora de calados en accesos marítimos á zona comercial (II): Peirao Reboredo 2".
As obras tiñan un orzamento base de licitación de 724.765,76 euros e a súa principal finalidade é adaptar o porto aos tráficos da Canle de Panamá.
O Peirao Adolfo Reboredo do porto de Marín componse de tres liñas de atracada de 250 metros, 240 metros e 34 metros, con calados de 12, 14 e 8 metros, respectivamente, e está destinado ao movemento de colectores e de mercadoría xeral.
A Autoridade Portuaria pretendía alcanzar 15 metros de calado tanto na canle de acceso como na zona de atracada, nun ancho de 100 metros desde a súa liña de cantil.
Este novo revés supón un risco para a actividade comercial xa que o Porto de Marín pode perder tráficos transoceánicos ou ver hipotecado o seu futuro á hora de captar novas liñas marítimas.
O motivo da declaración de deserto deste procedemento, segundo recolle o BOE, é que non foi presentada ningunha oferta dentro do prazo fixado no anuncio de licitación.
É a terceira ocasión na que queda deserto este concurso público.
REFORMA EDIFICIO OPERACIÓNS PORTUARIAS
O BOE deste luns tamén publica outra resolución da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra pola que se anuncia a formalización do contrato correspondente ás obras do proxecto de reforma de oficinas no edificio de operacións portuarias.
A empresa adxudicataria é Proyecón Galicia, por un importe total de 350.879,96 euros.