Sorprendente envorco en Xeve dun camión que trasladaba pedras de gran tamaño
Por Diego Torrado
Un camión que trasladaba bloques de pedra de gran tamaño envorcaba ao redor das 13.15 horas no lugar de Fontáns na parroquia pontevedresa de Santa María de Xeve. Por causas que aínda se están analizando, o condutor perdeu o control do vehículo e toda a carga que transportaba terminaba desprazándose ata caer nunha leira que linda con esta estrada.
O accidente rexistrábase na estrada entre Pontevedra e Xeve á altura da Igrexa de Santa María, en dirección a Amil, segundo informaba o servizo de Emerxencias do 112 Galicia, con quen se poñía en contacto directamente o propio condutor, que resultou ileso, para alertar do accidente.
A pesar da aparatosidade do suceso, non se rexistraron feridos e os danos unicamente foron materiais. Non foi necesario que se cortase a estrada, xa que as pedras desprendéronse fóra da vía. Por parte do 112 alertouse á Garda Civil de Tráfico e a efectivos de Protección Civil de Pontevedra.