A Deputación, exemplo en mobilidade sustentable para Tráfico
Por Alejandro Espiño
Unha xornada sobre mobilidade sustentable que organizará a Dirección General de Tráfico (DGT) en Madrid o próximo 17 de outubro reunirá a unha serie de administracións que están a impulsar boas prácticas en materia de seguridade viaria. E entre elas estará a Deputación de Pontevedra. "Estamos moi satisfeitos", explicou o deputado Uxío Benítez.
A DGT seleccionou a deputación pontevedresa como unha "experiencia de referencia" no ámbito dunha das maiores preocupacións para este organismo: o tratamento das travesías urbanas e as medidas que se han de aplicar para reducir a accidentalidade neste tipo de vías onde deben convivir vehículos e peóns.
Uxío Benítez recoñeceu que "levamos pouco tempo" traballando nesta materia, onde apostaron por un "cambio radical" con respecto a anteriores gobernos do PP que impulsaban, dixo, infraestruturas viarias "que primaban os intereses dos vehículos sobre os das persoas".
Pero á DGT, segundo o deputado do BNG, chamoulle a atención a énfase que puxo a Deputación na elaboración do chamado Plan Móvese, que busca aumentar a seguridade viaria e a accidentalidade nas estradas provinciais. Nelas, reiterou, a "única maneira" de conseguilo é acougando o tráfico e reducindo a velocidade con elementos físicos.
Benítez lembrou que a provincia de Pontevedra ten un sistema viario "moi particular" pola dispersión xeográfica e con máis de 300 quilómetros de travesías urbanas onde hai unha alta accidentalidade. Iso levou, segundo indicou, a que os seguros de coche na provincia estean entre os máis caros de España. Por iso aposta por aplicar medidas "incisivas".
O Plan Móvese, que será presentado nunhas semanas, reflectirá a "filosofía" do goberno provincial de impulsar unha mobilidade sustentable que invirta as prioridades no tráfico e poña ao peón por diante do vehículo á hora do tratamento que reciban as estradas que sexan titularidade da institución provincial.
A Deputación de Pontevedra presentará a súa experiencia nunha mesa redonda na que participarán tamén as deputacións de Barcelona e Guipúscoa, a Generalitat de Valencia, a Xunta de Castela e León, a comunidade autónoma de Murcia e o concello de San Sebastián.
Relacionadas:
-
O PP bota en falla accións educativas no Plan Móvese
Por Redacción |
-
O Plan Móvese da Deputación investirá 4 millóns de euros nas estradas da provincia
Por Redacción |
-
Ana Pontón levará ao Parlamento o modelo de mobilidade da Boa Vila
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os concellos da provincia solicitan máis de mil lombos á Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación asumirá o papel de ser o referente das cidades amigas dos nenos
Por Mónica Patxot |
-
Lombo vai, lombo vén polas estradas da provincia
Por Natalia Puga |