Lores e Carmela Silva asinan o convenio para os campos de fútbol en Xeve e Cerponzóns
Tras asumir o saneamento do río Gafos e de Mourente, as infraestruturas deportivas serán o próximo ámbito que abarcará a colaboración entre o Concello e a Deputación de Pontevedra. Así o confirmaron Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva na firma do convenio polo que se construirán dous campos de herba sintética no rural pontevedrés.
Ambas as administracións financiarán conxuntamente os dous millóns de euros que se investirán na construción dos campos de Gatomorto (Santa María de Xeve) e Chan do Monte (Cerponzóns). A Deputación destinará 1,6 millóns e o Concello os outros 400.000 euros, segundo se recolle neste novo convenio.
Lores explicou que estes dous campos son os que se executarán este ano porque existía unha "disponibilidade total" dos terreos e os proxectos non presentaban dificultade algunha. Pero avanzou que "en anos sucesivos" afrontaranse proxectos similares noutras parroquias do rural, que serán executados tamén entre os gobernos local e provincial.
Pero será outra infraestrutura deportiva a que se priorizará en 2017. O alcalde desvelou que en próximos meses Concello e Deputación volverán sentar para asinar un novo convenio para asumir a construción dun novo pavillón de competición, que estará situado no barrio da Parda. Xa se está traballando no anteproxecto.
"Pontevedra estase a converter nun centro moi importante no ámbito do deporte de base e de elite", destacou Carmela Silva, que mostrou a colaboración "total" do seu goberno para afianzar que a cidade se converta nun "referente" deportivo a nivel nacional.
Esta sintonía entre ambas as administracións permitirá ademais, segundo explicou o vicepresidente provincial, César Mosquera, que tamén se estea traballando para asumir de forma conxunta o novo acceso a Monte Porreiro por Tafisa ou a nova estrada que rodeará o hospital de Montecelo para permitir a súa ampliación.
"Non só contan coa nosa colaboración e lealtade senón tamén coa nosa complicidade", sinalou a presidenta provincial, que agradeceu ao Concello de Pontevedra "o fácil que llo pon á Deputación" á hora de traballar xuntos para mellorar as condicións de vida dos pontevedreses e dos municipios da súa área de influencia.
Relacionadas:
-
COVSA construirá o campo de fútbol de Gatomorto
Por Alejandro Espiño |
-
Vinte e tres empresas optan a construír o campo de herba sintética de Cerponzóns
Por Alejandro Espiño |
-
O PP ve "pouco ambicioso" o campo de fútbol de Cerponzóns e denuncia o seu atraso
Por Redacción |
-
Cerponzóns agarda ter novo campo de fútbol de herba sintética antes de fin de ano
Por Redacción |
-
Cerponzóns terá un núcleo de centralidade no ámbito do seu centro social
Por Redacción |
-
O PP pide á Deputación que coloque herba sintética no campo da Seca, en Poio
Por Redacción |
-
Un estudo analizará o impacto da planta de compostaxe da Canicouva
Por Redacción |
-
Ultiman os proxectos dos campos de fútbol de Cerponzóns e Santa María de Xeve
Por Alejandro Espiño |
-
Deputación e Concello presumen da súa "extraordinaria relación"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |