Doan ao Ateneo de Santa Cecilia unhas espadas orixinais da Danza de San Miguel
Por Redacción
Un xogo de espadas orixinais da danza que se interpreta na honra de San Miguel, patrón dos mareantes. É a doazón realizada por un particular de forma anónima e altruísta ao Padroado de San Miguel e o Ateneo Santa Cecilia de Marín.
Ambas entidades salientan a importancia deste valioso legado, que se atopa nun bo estado de conservación e que contribuirá a ampliar a bagaxe histórica e cultural dos estudos sobre o Gremio de Mareantes, fundado no século XVII, e sobre esta centenaria expresión antropolóxica marinense, recuperada en Marín na década dos 40.
Estas espadas orixinais -de madeira tallada e policromada- foron recepcionadas nun ambiente de grande emoción polo presidente do Padroado de Mareantes e do Ateneo Santa Cecilia, Lois González Dopazo, en presenza de representantes do Concello de Marín, autoridades locais, músicos e danzantes que continúan representando esta manifestación coreográfica.
Tanto o Padroado de San Miguel como o Ateneo Santa Cecilia fan un chamamento aos marinenses que, no caso de dispoñer de materiais de valor histórico e cultural relacionados coa danza -como espadas, partituras da melodía que marca o baile, fotos antigas ou vestimentas dos danzantes- se dirixan ao Ateneo para que quede constancia da súa existencia ou, se teñen a ben, fagan unha doazón, como vén de acontecer con estas espadas.
Os elementos recibidos serían catalogados e custodiados polo Ateneo, con vistas a ser expostos e a actualizar as investigacións que se leven a cabo "deste ben cultural e patrimonial do que como marinenses nos sentimos tan fondamente orgullosos", salienta Lois González.