A Policía celebra a súa festa cunha baixada de 7 puntos na taxa en criminalidade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O comisario provincial Manuel Bouzas mostraba a súa satisfacción por lograr os principais obxectivos durante o último ano. Hai un dato que o corrobora. Durante 2016 a taxa de criminalidade descendeu 7 puntos, de maneira que se sitúa en ao redor de 23 infraccións por cada 1.000 habitantes dentro da cidade de Pontevedra. Na provincia o descenso sitúase en 4 puntos. Un dato que tamén destacaba o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, no discurso ofrecido durante o acto institucional de celebración da festividade dos Anxos Custodios, que se desenvolveu este luns 3 de outubro no auditorio de Afundación, coa presenza do alcalde de Pontevedra, o presidente da Audiencia, o coronel da Garda Civil e o xeneral da Brilat.
Manuel Bouzas nunha intervención na que empregou a lingua española e a galega destacou que os policías contarán con chalecos persoais, unha vella demanda dos sindicatos que se atopa en vías de solución despois de que o ministerio de Interior investise sete millóns de euros para dotar a todos os axentes destas pezas de protección. Indicou que os chalecos se farán atendendo tamén as características físicas das mulleres.
A satisfacción tamén se fai patente co funcionamento ao 100% da Unidade de familia e muller na Comisaría Provincial, ademais do traslado das oficinas do DNI a Fernández Villaverde, un cambio que deixou máis espazo na Comisaría e que mellorou as instalacións. A estes datos, Bouzas suma o feito de que se mellorou a oferta de emprego público ante a perda de efectivos que se produciu durante os anos de maior incidencia da crise. O comisario provincial indicou que na academia de Ávila ingresaron 1.300 policías e para a próxima convocatoria xa se están preparando 2.900 aspirantes. Unha cifra da que se espera que se deriven axentes á Comisaría de Pontevedra.
O obxectivo que se expón o máximo responsable da Policía Nacional é manter as taxas actuais de criminalidade e, se é posible, melloralas.
17 persoas recibiron as medallas ao mérito policial, entre elas o propio comisario de Pontevedra, Manuel Bouzas, que indicaba que as críticas sindicais a estas distincións foron máis benevolentes este ano. Sinala que "hai xente que se fai acredor (das medallas)" pero sinala que existe un límite que non poden superar. Dous das distincións foron a parar a dous civís, un deles por evitar un acto delituoso nun centro comercial no que traballa e outra, que non asistiu, por intervir ao presenciar un delito contra a liberdade sexual.
O acto concluíu, como é tradicional, cunha homenaxe aos axentes falecidos.