Ante a remunicipalización do servizo de recollida de lixo, Marea aposta pola compostaxe de xestión pública
Por Redacción
O Pleno da Corporación do mes de setembro aprobou a remunicipalización do servizo de recollida e tratamento do lixo en Pontevedra cos votos a favor de todos os partidos da oposición e en contra do grupo de goberno, o BNG. Unha vez aprobado o novo sistema, Marea Pontevedra, formación que promoveu a moción, propón que o Concello aposte por un modelo de compostaxe de xestión pública.
Marea tamén lamentou este venres, como valoración do Pleno, que o PP e o BNG impedisen o inicio do proceso de remunicipalización da auga.
Tanto o servizo de recollida de lixo como o de abastecemento de augas teñen concesións actualmente que rematan en 2017, polo que Marea considera que é o momento oportuno para iniciar os trámites que conduzan a recuperar a súa xestión directa, xa que o seu rescate non implicaría que o Concello tivese que facer fronte a indemnizacións e por iso propuxo as dúas mocións para a súa remunicipalización.
Ante a postura do BNG, o voceiro de Marea, Luís Rei, considera que, ao votar en contra da remunicipalización da recollida do lixo e do abastecemento da auga, situouse claramente nas posicións máis neoliberais e "debería explicar cales son os motivos polos que se nega á rescatar a xestión dos servizos privatizados".
Marea non entende a magnitude dos intereses que hai en xogo para que o goberno local traizoe dun xeito tan evidente os seus postulados. Recorda que a xestión indirecta de servizos supón máis dun 20% do orzamento anual do Concello de Pontevedra e lembra que, ante a mesma situación (remate do contrato en 2017), o partido nacionalista defende no Concello de Marín que o servizo sexa proporcionado directamente polo ente municipal.