Miguel Estévez, novo xefe de Bombeiros en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O parque de Bombeiros de Pontevedra ten un novo xefe. Trátase de Miguel Estévez Prado, que chega á coordinación das instalacións tras catorce anos traballando como bombeiro en Pontevedra. Este venres tomou posesión da súa praza.
Acompañado dos dous xefes anteriores, Francisco Lage e Manuel Torres -este último interino durante os últimos anos-, Miguel Estévez asinou o seu novo contrato en compañía do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
O novo xefe de Bombeiros explicou que durante os dous últimos meses estivo visitando diferentes parques da xeografía nacional "para ver se podemos importar algo" do seu modelo de funcionamento. E é que unha das súas primeiras accións será presentar un proxecto para mellorar as instalacións pontevedresas.
Éstevez destacou que está "moi contento" co equipo humano do parque de Pontevedra porque son "grandes profesionais", aínda que recoñeceu que "hai que ver se no futuro podemos incorporar máis prazas".
Polo momento, crearanse dúas novas prazas para as que se iniciarán en breve o proceso selectivo.
Ademais, explicou que os Bombeiros de Pontevedra seguirán tendo unha especial dedicación cara aos "puntos sensibles" da súa actividade na cidade, entre os que destacou os incendios urbanos, os incendios industriais, os accidentes de tráfico e as intervencións en vías polas que circulan mercadorías perigosas como a autoestrada AP-9.
Durante a toma de posesión, o alcalde sinalou que Miguel Estévez aprobou "con brillantez" e conta cunha gran formación, ao ser licenciado en Arquitectura, ao que une a súa experiencia na práctica diaria do seu traballo
"Estamos seguros de que vai a cumprir correctamente o seu traballo e vai a ter todo o apoio da corporación", afirmou Fernández Lores, que se comprometeu a estudar posibles melloras no potencial humano e material dos bombeiros.