Activistas propoñen o "sacrificio cero" de animais domésticos
Por Redacción
A Asociación Animalista Libera está a traballar na elaboración do primeiro 'Plan de Protección Animal' para aplicar nas deputacións, e avanzou a súa idea para trasladala á Deputación de Pontevedra, ao entender que o goberno podería ter interese en modificar algunhas condutas de funcionamento na materia.
A dinámica da deputación pontevedresa no campo da protección dos animais baséase, fundamentalmente, en manter un centro de recollida de animais situado en Armenteira que alberga a centos de animais, como cans e gatos que son abandonados nos municipios da provincia, excepto algunhas localidades como Vigo ou Pontevedra, que contan con instalacións propias.
Para Libera este sistema refire algúns fallos, por exemplo, os tempos de resposta para algúns municipios desde que un cidadán alerta dun animal abandonado ou ferido, ata que o vehículo do servizo chega e recólleo. Hai que ter en conta que o Caan presta servizo a localidades como Lalín, separada por máis dun centenar de quilómetros de distancia.
Neste sentido os animalistas entenden que o seu plan provincial asume unha estratexia coordinada para paliar os abandonos e, ademais, ten en conta o traballo das entidades protectoras, "que agora son ignoradas polo goberno da Deputación a pesar do importante labor que durante anos desempeñaron", critican os animalistas.
Os defensores dos animais explican que a súa iniciativa parte da necesidade de que a Deputación ofreza servizos adicionais a unha "macroperrera" imitando os departamentos técnicos de institucións análogas, como a Diputaciò de Barcelona, que conta con especialistas que asesoran aos municipios en contextos como a xestión de colonias felinas, núcleos de gatos rueiros formados fundamentalmente por animais abandonados.
Desta maneira os animalistas tamén resaltan a necesidade de que a Deputación realice campañas con maior frecuencia, non só centradas no acto da adopción e no centro de recollida, senón incidindo sobre as malas condutas dunha parte da cidadanía.