O Oral leva recadados este ano máis de 51 millóns de euros
Por Redacción
O servizo de Xestión Tributaria e Catastral da Deputación de Pontevedra, o ORAL, leva recadados 51.529.139,89 euros nos primeiros nove meses de 2016.
Ademais, xa se emitiron máis de 1,4 millóns de recibos, o que supón un incremento de 250.000 recibos en comparación con todos os emitidos durante os doce meses de 2015.
Segundo informou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a estes datos están pendentes de engadir as cifras do último trimestre, período onde ten lugar o maior volume de recadación de todo o ano, razón pola cal os datos de recadación unha vez se peche 2016 serán substancialmente superiores aos acadados ata o momento.
O ORAL é o servizo da Deputación de Pontevedra encargado de realizar a xestión, inspección e recadación de tributos e outros ingresos de dereito público dos concellos que delegan as súas competencias na institución provincial. Á súa vez, encárgase de todos os trámites e xestións relacionadas coa competencia sancionadora que lle sexa delegada, en especial a relativa ás multas de tráfico.