Unanimidade de todos os partidos de Sanxenxo para pedir redutores de velocidade na Lanzada
Por Redacción
Todos os partidos políticos con representación na corporación municipal de Sanxenxo aprobaron por unanimidade dúas mocións presentadas polo grupo socialista pola que se solicita á Consellería Infraestruturas a instalación de reductores de velocidade na Lanzada e ao Ministerio de Fomento o cumprimento do protocolo de posta en valor de 18 castros na provincia, entre os que está o xacemento da Lanzada.
A moción presentada pola portavoz do PSdeG-PSOE, Coral González-Haba, en relación cos redutores de velocidade pon de manifesto a súa preocupación pola actual situación de seguridade viaria que existe no tramo da Vía Rápida VG 4.1 que une Sanxenxo e A Lanzada.
O texto aprobado por unanimidade de todos os partidos insta á Consellería de Infraestruturas e Vivenda a que valore a instalación de reductores de velocidade e bandas transversais de alerta no tramo final da vía na Lanzada que poden axudar a conseguir unha redución na velocidade e un aumento da atención na condución mentres non se realicen as obras de desdobramento da mesma.
No caso da moción do castro da Lanzada, lembra ao Ministerio que o 15 de marzo de 2015 asinou un protocolo de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a posta en valor de 18 castros que implicaba tarefas de limpeza nos 18 xacementos e obras de escavacións en seis, entre eles no da Lanzada.
Segundo sosteñen, no caso da Lanzada, a día de hoxe, a Deputación de Pontevedra leva executado máis do 50% do orzamento do protocolo, mentres que o Ministerio tan só adxudicou o contrato para a realización dos proxectos de actuación nos castros, o que supón un 0,6% do orzamento comprometido. En total, acumula un atraso na tramitación de máis de 8 meses de acordo ao cronograma aprobado por ambas as administracións.
A moción insiste en que é evidente que Fomento está a atrasar as actuacións ao mostrar "unha absoluta desidia na tramitación do expediente administrativo" que se precisa para iniciar os labores de consolidación do mesmo. En base a esta situación, insta o Ministerio a que, de forma inmediata, firme o contrato coa empresa adxudicataria dos traballos de musealización, consolidación, restauración, accesibilidade e sinalización para que a Deputación poida iniciar os labores establecidos no xacemento.