Detectan un elevado número de abandonos de cans en Poio
Por Redacción
O Concello de Poio detectou un "elevado número de casos de abandonos de cans". Ante a situación, a concellería de Medio Ambiente puxo en marcha unha campaña de concienciación para informar aos veciños das obrigas que conleva ter animais de compañía.
O Concello publicou un bando municipal no que lembra as obrigas dos propietarios dos animais en función do regulamento municipal de animais domésticos e salvaxes en catividade, que inclúen a prohibición de abandonar animais de compañía. Este comportamento pode ser sancionado con ata 5.000 euros.
Outra das obrigas é ter os animais identificados mediante un microchip implantado por un veterinario e a inscrición no rexistro municipal de animais de compañía. O incumprimento desta norma constitúe unha infracción grave que conleva unha sanción económica de ata 500 euros.
O Concello tamén recorda aos donos a obriga de levar nos espazos públicos a todos os animais atados con unha correa e, no caso de animais potencialmente perigosos, cunha boceira homologada. Ademais, deben ter licencia administrativa.
O bando tamén insiste na obriga de recoller os excrementos dos cans na vía pública, que supón sancións de ata 300 euros e recorda a prohibición de que os cans permanezan nas praias entre o 1 de xuño e o 30 de setembro.