Recetas practicas para facer radio dentro e fóra da emisora
Por Redacción
Achegar ao alumnado unha serie de consellos e recomendacións que lles poidan resultar útiles o día que senten diante dun micrófono ou trala mesa de control dun estudo radiofónico, pero que tamén lles permitan dar forma aos seus propios espazos radiofónicos en formato de podcast. Son os dous obxectivos que conviven no taller que ao longo destas semanas o locutor José María Bará imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Inserido na programación de obradoiros de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus para este primeiro cuadrimestre, o Obradoiro de radio e podcast ten como propósito, segundo apunta Bará, achegar ao alumnado "unha serie de receitas prácticas para radio", tanto nos eidos do guión e da locución como nos aspectos técnicos.
Este taller de 30 horas, dirixido pola profesora Aurora García, constitúe a principal novidade dunha oferta de obradoiros aberta a toda a cidadanía, achegando un novo enfoque a anteriores propostas formativas sobre o medio radiofónico ao afondar nas posibilidades que internet abre á hora de facer radio fóra da radio.
O podcast "é un formato con futuro, pero que non vai substituír nunca á radio, senón que coexistirá con ela".
Con este taller de radio e podcast e o obradoiro de Locución Audiovisual, no que a actriz, xornalista e actriz de dobraxe Maika Aguado trata de achegar ao alumnado ás características da redacción e locución audiovisual, botou a andar a pasada semana a programación de obradoiros da Vicerreitoría para o primeiro cuadrimestre.
Cun prezo de matrícula de 26 euros para os integrantes da comunidade universitaria e de 40 para a cidadanía en xeral, esta oferta formativa inclúe tamén propostas como Interpretación de instrumentos populares galegos ou o Obradoiro de teatro que darán comezo en outubro, así como o taller Desenvolvemento de xogos indies, que se desenvolverá en novembro na Casa das Campás.