Os bos desexos dos doadores de medula suben ao ceo de Pontevedra
Por Redacción
Co gallo da Semana Internacional do Doador de Medula Ósea, este domingo 25 de setembro a Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO) instalou na Praza da Ferrería, entre as 10.00 e as 13.00 horas, un punto de información de interese público sobre a doazón de medula ósea.
No marco desta conmemoración internacional realizouse unha solta simbólica de 100 globos que levaban desexos escritos por todas as persoas que se achegaron á praza.
Foi un xesto solidario de fomento permanente da doazón, nun breve pero emotivo acto pola "vida" no que se convidou a participar a todos os pontevedreses.
A Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO) é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa en diversas iniciativas solidarias ao longo do ano, co único obxectivo de concienciar á poboación da importancia da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos para fomentar e preservar a vida.