Interceptan 37 peregrinos polacos en bici que circularon seis quilómetros pola AP-9
Por Natalia Puga
Os condutores que circulaban na mañá deste domingo pola autoestrada AP-9 ao seu paso por Pontevedra déronse un bo susto: pola vía circulaba un pelotón de 37 ciclistas nun momento no que, ademais, había unha intensa nieble que dificultaba a visibilidade. A situación de perigo xerada provocou un amplo despregamento da Garda Civil de Tráfico e acabou nunha denuncia administrativa por unha infracción moi grave.
Todo ocorreu ao redor das 9.30 horas. A Garda Civil detectou a presenza dos ciclistas e entrou na autoestrada para intervir no incidente, comprobando que se trataba de 37 peregrinos de orixe polaca que estaban a realizar o Camiño de Santiago entre Portugal e Compostela.
Segundo informou a Garda Civil, os peregrinos circulaban polo Camiño de Santiago pola estrada N-550, pero á altura do Nó do Pino accederon á autoestrada, circulando seis quilómetros (entre os puntos quilométricos 132 e 126) ata que á altura da parroquia pontevedresa de Campañó a Garda Civil deulles o alto.
A saída da autoestrada máis próxima seguindo o sentido no que circulaban os ciclistas estaba a varios quilómetros, de modo que, coa colaboración de Audasa -empresa concesionaria da autoestrada-, os axentes de Tráfico axudaron aos ciclistas para facer un cambio de carril e dirixirse cara a Pontevedra para deixar a AP-9 pola saída da peaxe da Barca e continuar o seu camiño a Santiago pola estrada nacional.
Os ciclistas tiñan dificultades para comunicarse en español e mostrábanse bastante asustados pola situación de perigo na que se viron implicados, de modo que toda a intervención complicouse. Tamén a espesa néboa fixo máis difícil que se buscase unha solución, pero finalmente tres patrullas da Garda Civil lograron que abandonasen a autoestrada sen que se producise ningún accidente.
A Garda Civil formulou unha denuncia administrativa contra o responsable do grupo de peregrinos por unha infracción moi grave que derivou na imposición dunha multa de 500 euros. Xa a abonaron no momento antes de seguir a súa peregrinaxe.