Marín celebra un San Migheleiro multitudinario
Por Redacción & Diego Torrado
San Migheleiro converteuse co paso dos anos nunha das festas de referencia de Marín e este sábado volveu a confirmar o seu gran poder de convocatoria.
A pesar da choiva que caeu a última hora da tarde, miles de persoas -na súa maioría novas- participaron desta xornada festiva.
Medio centenar de locais de lecer colaboraron na vixésimo sexta edición desta festa que, para homenaxear a san Miguel, leva a festa ás rúas do municipio.
Un ano máis se viron por Marín as camisetas a raias horizontais, o símbolo desta celebración que se alongou ata ben entrada a madrugada.
A música das charangas Os Jalácticos e Fanfarria Taquikardia animaron as rúas máis céntricas da vila, pero a choiva impediu que se celebrase o concerto previsto pola noite na Alameda coas bandas Champurrada e Malkeda.