Sanxenxo completa o parque de Sear cun circuíto biosaudable
Por Redacción
O parque de Sear, en Bordóns, contará cun circuíto biosaudable. Así o anunciou a concellería de Medio Ambiente, que deu orde para a súa instalación.
Este parque público, segundo o goberno municipal de Sanxenxo, está nunha área rural polo que a maior parte dos seus habitantes son persoas de avanzada idade que ademais contan cunha oferta de lecer preto das súas vivendas moi limitada.
O parque atópase ademais na marxe dunha estrada que conecta directamente dous núcleos de poboación rural polo que Coral González-Haba, edil de Medio Ambiente, considera que se facilita a asistencia a este circuíto como lugar de encontro e reunión dos veciños de ambos os lugares.
Á hora de seleccionar os módulos biosaudables que se instalarán, a edil de Medio Ambiente tivo en conta que servisen para fortalecer e exercitar distintas partes do corpo coa finalidade de que permitan aos veciños realizar un abano máis amplo de exercicios.
Un módulo de esquí dobre, un volante dobre e unha bicicleta fitness completan os tres elementos que conforman este circuíto biosaudable nos que se investiron preto de 4.000 euros, que a Concellería de Medio Ambiente financiou cunha subvención xestionada a través do GDR, na que o 80% asúmeo a Xunta e o 20% o Concello.
"Confío en que a localización deste parque biosaudable contribúa a que sexa utilizado polos veciños de Bordóns, e que contribúa a que dispoñan dunha vida máis saudable coa práctica de exercicio físico", explica Coral González-Haba.