VIDEO.- Guerra de almofadas na Praza do Teucro
Por Redacción
A Praza do Teucro acolleu este sábado a incruenta e divertida guerra que organiza cada ano o Festival das Núbebes.
Coxíns e almofadas suaves foron as armas elixidas para esta divertida contenda que fixo as delicias de pequenos e grandes, unha actividade perfecta para gozar en familia.
Despois de asistir no Teatro Principal a unha sesión de monicreques con Trompicallo, as familias acudiron coa as 12.45 horas ao "campo de combate" onde Andrea Bayer, de Baobab Teatro, marcou o inicio deste épico combate no que só houbo mortos… de risa.
Bebés de 0 a 3 anos, nenos e nenas e familias teñen por diante a última xornada da cuarta edición do Festival das Núbebes, o certame que xira arredor das artes escénicas e que este ano ten a discapacidade como fío condutor.
A actividade, debido ás eleccións galegas, trasladarase este domingo ao Pazo da Cultura.
Ás doce da mañá haberá a sesión de contos "O berce das verbas", unha actividade para nenos de ata catro anos que se repetirá ás cinco e ás seis da tarde. Xa ás 17.00 horas, celebrarase unha charla sobre porteo de nenos para familias e ás 19.00 horas, no auditorio do Pazo, terá lugar o acto de clausura do certame co concerto "A Gramola Gominola" e a aparición estelar de Roque, a imaxe do festival.
Para asistir a este último evento é obrigado pagar tres euros de entrada.