Traballadores das ambulancias reclaman mellores condicións laborais cunha xornada de folga
Por Redacción
Os traballadores do servizo de ambulancias, tanto urxente como non urxente, atópanse de folga durante este venres 23 nun paro convocado polo sindicato CIG co que se pretende forzar un avance na negociación colectiva, que nestes momentos atópase paralizada.
Xesús Pastoriza, responsable de Transportes da FGAMT-CIG, sinalaba que a patronal se escuda na cuestión económica para non mover nin unha coma do convenio. Desde a central nacionalista responsabilizan á administración autonómica de admitir as ofertas á baixa que presentan estas empresas sen ter en conta que esa rebaixa leva peores condicións laborais e salariais do persoal.
Os traballadores levaron a cabo concentracións ante o Hospital Montecelo e no Salnés. Desde a CIG alertan de que esta xornada de paro non é o final senón o inicio das accións de protesta. Trátase dun primeiro aviso de que están dispostos a mobilizarse en defensa dun convenio digno, afirman os responsables sindicais. Sinalan que mellorando as súas condicións laborais, tamén mellorará a calidade do servizo que se presta.
Segundo o sindicato, só o 25% do persoal puido acudir á folga xa que a Xunta de Galicia decretou uns servizos mínimos do 75%.