A Plataforma de Xustiza alerta da falta de medios nos Xulgados de Violencia sobre a Muller
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Sete organizacións sindicais conforman a Plataforma de Xustiza, un colectivo que decidiu levar a cabo unha concentración este mércores 21 no edificio xudicial da Parda para denunciar o desinterese da Xunta de Galicia durante os últimos anos na administración de xustiza
Enrique Araujo, portavoz da plataforma, explicaba en rolda de prensa este martes 20 que hai sete anos que se creou a Nova Oficina Xudicial e que desde entón non se reuniu nin unha soa vez nin a comisión autonómica nin a comisión técnica. Sinalan que non se constituíron unidades técnico-administrativas nos edificios xudiciais e unidades de apoio a presidencias de tribunais e decanatos dos xulgados.
Engaden que é necesaria a adaptación da planta xudicial e os cadros de persoal á realidade da carga de traballo en Galicia, ademais da creación dun plan de Xustiza de proximidade, que inclúa a potenciación dos xulgados de paz.
Entre as críticas que realizan á consellería de Vicepresidencia, Administracións públicas e Xustiza tamén destaca a falta de medios nos Xulgados de Violencia sobre a Muller en Galicia. Reclaman formación específica, novas ferramentas informáticas, mellora do sistema de información e atención ás vítimas, incremento de medios materiais e humanos, a mellora das infraestruturas con habilitación de espazos de atención á vítima e aos menores, ademais de adecuar o salario do persoal que traballa nestes xulgados con competencias en materia de violencia sobre a muller. Denuncian que este persoal realiza horas extra, que non son remuneradas, con dificultades para conciliar a súa vida persoal, familiar e laboral.
Por último, os representantes sindicais quéixanse da discriminación sanitaria que sofren os traballadores da administración de xustiza. Aseguran que sofren descontos do 50% do soldo por enfermidades como gripe, hepatite, sarampión, tose ferina ou varicela. E denuncian que tamén se lles reduce o soldo daquel traballador que se atope nun proceso oncolóxico que non leva tratamento.