Anceu viviu o seu día grande celebrando a tradicional Danza Celta
Por Redacción
Como cada último domingo de setembro a parroquia caldelán de Anceu viviu as súas festas das Dores. Este ano, ademais do bo tempo, acompañou o apoio do Concello, pois é a primeira vez que as celebracións contan cun convenio para axudar a sufragar os gastos de preparación da tradicional Danza Celta. Ademais, a visita dos máis de 70 coches participantes na I Xuntanza de Vehículos Clásicos de Ponte Caldelas puxo outra nota de cor a unhas festas moi representativas de todo o municipio.
As celebracións comezaron coa misa na capela da Guadalupe e, a continuación, celebrouse unha nova edición da Danza Celta. Unha tradición que os veciños de Anceu van pasando de pais a fillos e que se perde nos tempos.
Forma parte do conxunto patrimonial inmaterial coñecido como Danzas Brancas, que se celebran nun total de 16 municipios galegos.
O ritual de Anceu consiste nunha danza na que os homes e mulleres van entrelazando cintas de varias cores, unha execución na que se mestura coordinación e habilidade. Ao mesmo tempo manteñen o ritmo cunha percusión a base de paus e castañuelas ata completar o entrelazado.
Os veciños contaron tamén co aliciente da chegada dos coches clásicos. Un auténtico museo rodante sobre catro rodas chegou para amenizar a hora do vermú nun día espléndido. A iniciativa naceu da colaboración do Concello de Ponte Caldelas e os Amigos dos Vehículos Antigos (AVA), asociación fundada en 1984. Unha agrupación cun centenar de socios e que se viu sorprendida pola gran participación nesta concentración, á que asistiron socios de toda Galicia.
A Concentración de Vehículos Clásicos xa tiña comezado sobre as 10 horas coa chegada a Alameda de Ponte Caldelas. Cara o mediodía enfilaron a estrada para o desprazamento ata Anceu, onde os propietarios tiveron ocasión de fundirse entre o numeroso público e participar destas tradicionais festas populares.