Os veciños de Laxoso e Aguasantas piden a "reforma da totalidade" e non por fases da PO-234
Por Redacción
Os veciños de Laxoso e Aguasantas acordaron esixir, a partir de agora, a reforma "da totalidade da PO-234", rexeitando por tanto a súa execución en fases.
É unha das conclusións da asemblea informativa convocada polo goberno local de Ponte Caldelas tras a prohibición da manifestación prevista por parte da xunta electoral.
Produciuse un acordo "total" entre os presentes para celebrar a protesta contra a "cacicada da PO-234" o sábado 1 de outubro "sexan cales sexan os resultados das eleccións autonómicas", segundo informou o goberno local caldelán, que "nin comparte nin comprende" a prohibición.
Mentres non chega esa data, expresarán o seu malestar colocando carteis reivindicativos ao longo do viario.
Á asemblea acudiron representantes do tripartito PSdeG-PSOE, AVP e BNG, co alcalde Andrés Díaz á fronte, quen lembrou ante a prohibición da xunta electoral que a reforma integral da estrada foi comprometida en 2011 "e volveu xurdir agora na campaña das autonómicas por iniciativa da Xunta de Galicia".
Os veciños aceptaron entón que a reforma se realizase por fases empezando por Laxoso, o tramo máis conflitivo e perigoso, pero o cambio de plans do goberno autonómico para empezar os traballos polo municipio de Cotobade "por criterios de simple partidismo político" motivou a protesta.
O que non acudiu nesta ocasión á asemblea da plataforma foi o rexedor de Cotobade, Jorge Cubela.
Pola súa banda o goberno local de Ponte Caldelas confirmou que xa presentou o recurso pertinente ante a decisión da xunta electoral "porque, aínda que xa sabemos que non chega a tempo e o mal xa está feito, pensamos que debe quedar claro que se privou aos veciños do seu dereito constitucional a manifestarse contra un acto discriminatorio e inxusto".
Relacionadas:
-
O Concello xa ten os terreos para reformar a PO-234 no treito de Cotobade
Por Redacción |
-
Centos de veciños saen á rúa para instar á Xunta a rectificar a "cacicada da PO-234"
Por Redacción |
-
Piden á Xunta que rectifique os seus plans para a estrada autonómica PO-234
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta Electoral prohíbe a manifestación deste sábado pola "cacicada da PO-234"
Por Oskar Viéitez |
-
A manifestación pola PO-234 enfronta ao goberno local de Ponte Caldelas con Cotobade e o PP
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O goberno local de Ponte Caldelas invita á Xunta a rectificar "a cacicada da PO-234"
Por Redacción |