A prisión os asaltantes dunha anciá de Lérez, días despois de que esta falecese
Por Oskar Viéitez
Dous homes de 43 e 45 anos de idade, veciños de Pontevedra, ambos con múltiples antecedentes policiais, foron detidos pola Policía Nacional como presuntos autores dun roubo con violencia, un roubo con forza e o roubo furto uso de vehículo, cometido nunha vivenda de Ramallás na parroquia de Lérez na madrugada do día 30 de xullo.
Aquel día foi a propia vítima Pilar Fernández Otero, de 87 anos, quen deu a voz de alarma á primeira hora da mañá. Chamou pedindo axuda e alertando de que a asaltaban e estaba ferida, de modo que se desprazaron ata a vivenda axentes da Policía Nacional e efectivos médicos de Urxencias Sanitarias de Galicia.
Os axentes policiais puideron ter un primeiro contacto con ela no que lles explicou que dúas persoas coa cara tapada entraran a roubar na súa casa e déranlle unha malleira, pero xa non puido achegar máis detalles debido ao delicado estado de saúde que tiña. Inmediatamente, foi trasladada ao Hospital Montecelo nunha ambulancia onde permaneceu ingresada ata a súa defunción o pasado sábado día 10.
Segundo fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra, os asaltantes subtraeron 500 euros.
No trascurso da investigación, os axentes comprobaron que unha semana antes de cometerse o roubo con violencia entre o 19 e o 22 de xullo realizouse na vivenda da vítima unha obra de peche de leira en cuxa construción participou un dos implicados e que lle permitiría obter información da distribución interior da vivenda e averiguar que a vítima gardaba algunhas xoias de certo valor.
Esas xoias foron subtraídas a tarde do día 29 de xullo horas antes do roubo con violencia. Para entrar na vivenda un dos individuos fíxose pasar por revisor do gas para entreter á muller e mentres, o outro accedía por unha das xanelas da vivenda e dirixíase directamente ao lugar onde a propietaria gardaba as xoias.
Os axentes comprobaron como esa mesma tarde uno deles vendería as xoias subtraídas que agora foron recuperadas.
Estas mesmas fontes oficiais apuntan que esa mesma noite tras vender as xoias deciden volver á vivenda para o que subtraen un vehículo. Unha vez na vivenda acceden novamente por unha das xanelas e ao ser sorprendidos pola propietaria da vivenda ameazárona e a agrediron para que lles entregase o diñeiro que tivese na casa.
Tras arduas xestións e unha investigación laboriosa os axentes lograron identificar aos presuntos autores, procedendo á súa detención o día 12 de setembro.
Pola súa banda, os arrestados -que xa contaban con antecedentes policiais previos- foron postos a disposición da Autoridade Xudicial quen decretou o seu ingreso en prisión.
A investigación, que foi realizada polo Grupo de Persoas da Brigada Provincial de Policía Xudicial de Pontevedra estivo tutelada en todo momento pola titular do Xulgado de Instrución número tres de Pontevedra e a Fiscalía que agora terá que ter en conta na súa acusación a morte da anciá .
Relacionadas:
-
Admiten ter matado a unha anciá en Lérez á que lle roubaron 35 euros e bixutería
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un tribunal popular xulga este mes os acusados de matar a unha octoxenaria en Lérez
Por Natalia Puga |
-
Dous encapuchados asaltan de madrugada unha casa de Lérez e deixan ferida grave unha muller de 80 anos
Por Natalia Puga |